Historia da Moreniña

A Virxe de Guadalupe Rianxeira

A devoción á Virxe de Guadalupe Moreniña remóntase polo menos ó século XV, cando Guadalupe era un nome estendido por toda Europa e a devoción a esta Virxe irradiaba os máis apartados recantos da península ibérica.

Nos libros de milagres do século XV, escritos en pergameo e custodiados no arquivo da biblioteca do Mosteiro de Guadalupe, provincia de Cáceres, aparecen en bastantes ocasións os nomes de vilas coma Santiago, Fisterra, Muros, Vilagarcía e outros moitos preto de Rianxo, como escenarios de feitos sobrenaturais atribuídos á Virxe de Guadalupe.

Está documentada esa devoción en terras rianxeiras no século XVII en dous exemplos: a fundación da Capela de San Pedro, de Vilas, na parroquia de Asados), que naceu coas advocacións de San Pedro (nome do fundador, Pedro de Santiago Torrado, cura de Isorna) e “Agua de Lupe” (así escrito nalgúns papeis da época), e o cruceiro de capela da Laxe, na parroquia de Taragoña, que no seu interior garda unha figura en pedra da Virxe de Guadalupe.

Na acta fundacional da capela de San Pedro de Vilas, don Pedro de Santiago cita:

“…digo e declaro que a miña intención e vontade é que (…) se faga e edifique dos meus bens e facenda unha capela no lugar de Vilas, freguesía de Santa María de Asados, e nela se poña (…) e unha imaxe de Na Sa de Guadalupe e outra de San Pedro, santo do meu nome…”.

Este testamento data de 1660, a construción iníciase en 1670 e a primeira misa ofíciase en 1672.

Ata 1732 é a última vez que o lugar figura como de “Agua de Lupe e San Pedro”, desde 1791 só se cita nos papeis a San Pedro. Descoñécese o sucedido coa imaxe, pero parece claro que a devoción da Guadalupe naquel lugar quedou eclipsada pola aparición da imaxe que chegou de Estremadura.

A Guadalupe de Vilas
tiña ganas de ve-lo mar,
colleu camiño da vila
e a Pedro deixou quedar.

A imaxe rianxeira

No ano 1773, o Alférez de Fragata granadino, Juan Vicente Yáñez, publicaba un folleto no que recollía datos sobre copias da imaxe de Guadalupe estremeña. Nel aparece a “Moreniña” rianxeira e anota que está feita de pasta de papel, sendo o autor un monxe do mosteiro de Pais Xerónimos de Guadalupe-Cáceres, quen

“fixo sen principio algún de escultura, nin pintura, dúas imaxes de vulto, copias perfectísimas de Nosa Señora de Guadalupe, que el mesmo levou e colocou este presente ano de 1773: colocou unha no Reino de Galicia, na vila de Rianxo, nunha ermida do Señor San Xosé; colocou a outra na vila de Requejo, da Sanabria, onde atopou unha ermida a termos de rematarse a súa fábrica, coa advocación de Nosa Señora de Guadalupe…”.

O 29 de xuño de 1773 (festividade de San Pedro, outra vez as dúas imaxes xuntas!) a Virxe de Guadalupe chegou a Rianxo acompañada do “escultor”. O sitio elixido polo crego don Juan Posse de Andrade para a súa colocación foi a Capela de San Xosé da Foresta, en Rianxiño. Gracias ó libro de contas e esmolas da Virxe sábese do “misterioso” escultor: Frei Xosé de Santiago, relixioso profeso do mosteiro guadalupano estremeño e natural de Rianxo, segundo tódolos indicios.

No mosteiro de Guadalupe gárdase a acta do seu falecemento, que reza da seguinte maneira:

“El 16 de octubre de 1806 se enterro
en esta sepultura el cuerpo del P. Fr.. Joseh
de Santiago, Gallego de edad de 78 años
y de Avito 34 años. Tomo el Avito por
la Voz, púes no la avido tan gruesa.
Requiescat in paze”.

AMG (Arquivo do Mosteiro de Guadalupe)
Códice 62: Regra e memoria das sepulturas que están
no Claustro /1696-1833. Perg. 140 fols., folio 85 vto.
Undécima rengleira, primeira sepultura, 4a.

Primeiros anos: devoción en Rianxiño

Durante os tres meses que frei Xosé de Santiago permaneceu en Rianxo correuse a voz da traída da Virxe. Este acontecemento, e máis “a felicidade que experimentaban moitos fieis e devotos que concorrían e concorren a venerala en romaría, en Fe do alivio que experimentaban nos seus males, con visibles milagres celestes que observaban”, fixeron posible que o nome e devoción á Virxe se estendese por toda a comarca arousá.

Namentres Rianxo vivía a milagre, en Santiago ocupaba o asento arcebispal o prelado granadino don Francisco Alexandre Bocanegra e Xibaga. A súa saúde pasaba por momentos delicados e decidiu ofrecerse á Santa, e parece que escoitou a súa súplica, xa que se achegou a Rianxiño “en acción de gracias” e a deixarlle unha esmola de cen reais. Aproveitou a ocasión para confirmar a unha gran multitude de nenos rianxeiros, o 1 de agosto de 1774.

Capela de San Xosé da Foresta, en Rianxiño, onde se depositou a imaxe de Guadalupe cando chegou a Rianxo en 1773

Catro anos máis tarde publicaba, sen asinar o traballo, unha breve historia da Virxe rianxeira: “a conmoción que causou no país a chegada da Señora; a alegría dos fieis; o concurso numerosísimo que asiste á Festa principal, que é o día do doce nome de María, domingo despois da súa natividade (8 de setembro); a frecuencia con que entre ano a visitan os seus devotos (…) son claros indicios de que non saíu frustrada a esperanza do devoto artífice, que a formou, conduciuna e colocouna na súa patria, Rianxo”.

En canto á imaxe, en 1774 púxoselle unha coroa e un cetro, valorados en 583 reais. En 1775 o Neno tamén tería coroa de prata, de 30 reais. Tamén se levaron a cabo melloras no santuario, que necesitaba urxentes reparacións. Coa axuda dos veciños e das esmolas dos cada vez máis numerosos romeiros, a capela sufriu ó longo dos anos seguintes multitude de reparacións e melloras, así como a construción de novos elementos, como a espadana, a tribuna, ampliación do espazo do adro e un altar no
exterior para poder oficiar misa o día da Natividade debido á gran afluencia de romeiros.

Desentendemento e abandono

Á morte do crego de Rianxo, don Juan Posse de Andrade, en 1788, sucedeuno don Ramón Mouzo e Posse, nomeado polo propio arcebispo. Trala súa morte en 1813, as contas por el deixadas estaban moi confusas, e demostrouse debedor dunha importante cantidade. Para facerlle fronte houbo que poxar os seus bens. As riquezas proporcionadas polas importantes esmolas recibidas no santuario, especialmente en setembro cando os romeiros ofrecían froitos e gando, invertíanse, como era costume, en terras.

De 1783 a 1787 a renda baixou de 20.000 reais a 300, de aí que en 1790 don Benito Carrera y Pazos, avogado da Real Audiencia do Reino de Galicia e Vigairo Xeral da Igrexa de Santiago advertira ó administrador que “…reteña a cantidade existente e as que se aumenten, así de rendas coma de esmolas que recade, investindo sómente no preciso no consumo regular do santuario…”.

Coa Guerra da Independencia e a conseguinte incautación dos fondos parroquiais, xunto cos “erros” dos últimos anos da xestión do administrador don Ramón Mouzo, a capela e a devoción sufriron un fondo revés. Foi o total abandono: “dor causaba o ver desaparecer das regalías desta Igrexa Parroquial e ver as ruínas dunha ermida das mellores na súa clase e que é histórica no País”.

A apatía e desentendemento por parte da igrexa local eran evidentes, de aí que o templo de Rianxiño chegara a arruinarse totalmente. A imaxe tivo que ser trasladada á igrexa parroquial a primeiros do século XIX. Alí estivo durante algún tempo, o que provocou o esquecemento por parte de todos. A devoción decaeu notablemente, tendo en conta ademais que o sitio no que fora colocada, un altar preto da Capela Maior, non era o máis idóneo. As preocupacións do crego por este motivo eran evidentes. En 1818 tentou facerlle unha capeliña axeitada dentro da igrexa, tal e como requiría unha Virxe tan venerada polos romeiros e polo propio pobo. Para a edificación escolleu un sitio conflictivo; un altar coñecido entón coma o de San Francisco “onde teñen nicho e banco os Rubinos”. Según o párroco alí non desentoaría e faría simetría coa Capela do outro lado, advocación de Nosa Señora da Angustia. Isto provocou certas complicacións legais cos propietarios, pero finalmente foi situada na dita capela.

Interior do templo parroquial, onde a imaxe estivo en precaria situación durante longo tempo.

Nos gastos da festividade de 1819 tan só aparecen “catrocentos corenta e oito reais que importaron os gastos de novena, festa principal e a do día de San Miguel, incluso fogos, cera, gaiteiro e dous violíns”, cantidades bastante insignificantes comparadas co esplendor que tivera a Virxe. Tamén a propia imaxe sufriu o abandono, de forma que tiveron que ser reconstruídos o trono, castelo, peaña e andas pola súa total podredume, restauradas as coroas e cetro, engadidos dous ollos de vidro e pedras para o manto, retocados rostro e mans, e repintada na súa totalidade.

En 1832, Rianxo ten un novo crego: don Diego Brunell. A igrexa pasaba por un pésimo momento económico. Por orde do gobernador, foron retidos bens da parroquia para obras no cemiterio. O crego escribiu ó arcebispo solicitando poder gastar os cartos que posuía a Guadalupe, con carácter de préstamo, en gastos indispensables para a celebración das misas. Tan lamentable era o estado dos bens da igrexa, que a petición foi aceptada. O altar da imaxe estaba nun estado lamentable, a devoción decaera considerablemente e foi esquecida dos veciños e estraños sen recibir culto ningún.

Restauración do culto

Dez anos máis tarde (1849), un numeroso grupo de veciños, encabezados polo secretario do Concello, Tomás Ballesteros, decidiron restablecer o Santuario de Guadalupe e darlle o mesmo esplendor que tivera anos atrás. Para iso había que edificar un templo ás súas expensas e que así a imaxe se conservase con decoro e, ao mesmo tempo, fundar unha confraría dedicada á Nosa Señora de Guadalupe. Para esta fin designaron a Capela da Cruz, que estaba arruinada. Dirixíronse ó arcebispo facendo
mención ás milagres obradas pola Virxe e á devoción que, oculta, aínda lle profesaban os seus devotos, culpando do seu lamentable estado á neglixencia dos cregos locais.

Concedeuse a licencia o 23 de outubro para que no lugar que ocupaban as ruínas da Angustia se edificase unha capela para Nosa Señora de Guadalupe. O crego don Diego Brunell colaborou e impulsou a reconstrución, xunto cos veciños, do templo, iniciándose as obras en 1850.

Brunell morre en 1851. Se nun primeiro intre a súa morte podería ser un inconveniente para proseguir con tan boa decisión da veciñanza, non foi así. O seu sucesor, don Nicolás Pérez Santamarina, será outro crego extraordinario para o labor de fomento da devoción guadalupana.

A aprobación dos estatutos da Confraría datan de xaneiro de 1851. O coidado, Interior da Capela de Guadalupe goberno e administración estivo a cargo do novo crego. No referente ó Santuario a penas contaba con fondos propios (a pesar de ter débedas activas por un importe de dez mil reais, pero a maior parte delas eran incobrables) xa que foran invertidos anos atrás, con autorización arcebispal, na obra do Campo Santo da parroquia, así como en manter unha escola (dotación de catro reais diarios para o mestre), etcétera. A economía dos habitantes rianxeiros pasa por momentos delicados dada a escasa colleita de froitos nas parroquias, “non tendo para o alimento preciso e para concluír a sementeira”. O cólera de 1854, que asolou Rianxo, estaba ás portas.

O crego Pérez Santamarina retratou moi ben os tres anos anteriores ó cólera, en canto ás actividades levadas a cabo, nunha nota que aparece no libro de contas da Virxe: “Nos tres anos anteriores os mariñeiros traballaron nos días festivos co obxecto de reedificar a capela de Nosa Señora da Cruz, para colocar nela a Santísima e Milagrosa imaxe de Guadalupe…”

“Neste ano de mil oitocentos cincuenta e catro, tratei de concluír as obras da capela e trasladar a Santa Imaxe, o que tivo efecto o oito de setembro de dito ano, quedando establecidas dúas funcións, unha o día do aniversario do traslado e outra o da función principal”

“Dende entón estableceuse que os mariñeiros traballasen nalgúns días festivos para as funcións e a subscripción dos veciños do pobo, celebrándose con gran aparato e solemnidade como festa principal da vila, e para que todo elo así conste anótoo neste libro”,

Polo tanto, segundo este texto, a partir de 1854 a festividade de Guadalupe quedou como festa principal da vila. Os ingresos maioritarios dos actos festivos proveñen agora da subscrición popular e dos traballos dos mariñeiros:

“Pois ben, o tempo, que todo o destrúe e que cal balanza sube e baixa as cousas humanas, fixo que esta devoción decaese exteriormente, anque non no corazón dos fieis, e botándose enriba épocas desgraciadas que empobreceron non só ós pobos, senón os petos particulares, debido isto tamén á falta de colleitas de mar e terra que dalgúns anos a esta parte sentimos, ocasionaron que desaparecendo os fondos, as rendas e os donativos, diminuísen e empobrecesen as funcións e obsequios que esta vila tributaba á Santísima Virxe de Guadalupe, e hoxe cesarían de todo se o Párroco que escribe non contase coa devoción e celo dos seus fregueses (…), axuda dos particulares e co entusiasmo que xa nos últimos anos amosaron tódalas clases desta poboación, para non deixar escurecer a gloria de Rianxo deixando de festexas á Santísima Virxe…”

A Capela de Nosa Señora de Guadalupe

Os mariñeiros rianxeiros sempre foron os grandes impulsores da festividade, deles saíron os recursos máis importantes para o realce da imaxe de Guadalupe. Foi en agosto de 1868 cando o crego Don José Magariños solicitou do arcebispo unha autorización para que os mariñeiros puidesen pescar noutras xurisdicións nos días festivos anteriores á celebración principal. A contestación do prelado foi rotunda, negándose a autorización ós mariñeiros a traballar en días festivos a pesar dos fins cos que se facía tal solicitude. Por tal motivo ese costume foi suprimido, quedando reducidos os donativos a subscricións do pobo e a quiñóns que os mariñeiros separaban para a
Virxe.

E de aquí aos nosos días, a imaxe da Virxe de Guadalupe, a Moreniña, preside a súa capela homónima á entrada do Campo.